Thursday 28 de March de 2024

A Xunta licita por máis de 111.000€ a rección do Plan Director para o Parque do Pasatempo en Betanzos


O documento sentará as bases para levar a cabo as actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural

A Xunta de Galicia vén de licitar por un importe de máis de 111.000 euros a redacción do Plan Director do Parque do Pasatempo de Betanzos, un documento que sentará as bases para levar a cabo as actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, declaración aprobada polo Goberno galego en 2020.

A publicación do inicio do proceso administrativo enmárcase no firme apoio da Xunta de Galicia co Parque do Pasatempo e coa vila de Betanzos. Un apoio que quedou demostrado co traballo feito por parte da Administración autonómica para favorecer e facilitar a declaración BIC deste espazo e que volve a reflectirse con esta licitación, tal e como xa anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade hai só dous meses.

Así, nunha nova mostra deste compromiso, o Goberno galego impulsa a elaboración dun documento que permita afondar no seu coñecemento e nas súas condicións actuais para definir as liñas de actuación que se porán en marcha no futuro no eido da súa conservación. Para isto, é preciso elaborar un texto técnico no que se recolla un análise detallada do conxunto desde as perspectivas histórica, arqueolóxica, arquitectónica e espacial do monumento e do seu contorno, así como da conservación e restauración dos seus elementos artísticos. Este plan terá en conta, ademais, a súa xestión para a posta en valor e uso cultural dunha forma racional e sostible.

Trátase dun traballo complexo e completo que precisa dun equipo técnico multidisciplinar e especializado e que incluirá propostas de monitorización, toma de datos, análises e avaliacións co fin de coñecer con exactitude cales son as necesidades do Parque do Pasatempo para definir as actuacións necesarias para garantir a conservación deste ben tan senlleiro. Concretamente, o equipo técnico que se encargue da redacción do Plan Director estará composto por arquitectos, historiadores da arte, restauradores, arqueólogos, enxeñeiros e especialistas en xardinaría, botánica e paisaxe.

Esta actuación, que conta cun orzamento superior aos 111.000€, é posible ao abeiro do compromiso do Goberno galego cos fondos para a protección e recuperación do patrimonio cultural, que neste exercicio se incrementan nun 19%.

Xardín histórico
O Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, é un xardín eclético creado por Juan Naveira no que se mestura vexetación, arquitectura, escultura, pintura, enxeñería hidráulica, fontes e estanques, cunha vocación de parque temático e didáctico que responde á tradición filantrópica dos indianos que regresaron de América a finais do século XIX.